Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CREUTZFELDT-JAKOB EN GALIZA

Saúde Pública investiga en Lugo un posíbel caso da enfermidade

O Goberno anuncia que manterá as mesmas medidas postas en marcha no 2001 e que pode haber máis casos.

Redacción / EP - 16:45 08/04/2008

O director xeral de Saúde Pública, Ramón Medina, anunciou que se está a investigar en Lugo un posíbel caso da enfermidade de Creutzfeldt-Jakob, a variante humana da Encefalopatía Esponxiforme Bovina, e advertiu de que poderían aparecer máis persoas infectadas pola exposición ao risco antes de 2001.

Medina dixo que xa houbera antes varias sospeitas de casos en Galiza, e que todos se descartaron. O único xeito de confirmalos é mediante a autopsia, nun prazo de entre quince días e un mes e medio despois do falecemento da persoa afectada. "O proceso de diagnose é complicado", explicou o subdirector xeral de Epidemioloxía, Xurxo Hermida. Ademais, hai que distinguilos dos casos da enfermidade de Creutzfeldt-Jakob clásica, que non ten orixe bovina, e da que aparecen cada ano entre un e tres casos.

O director xeral insistiu en que é posíbel "que aparezan novos casos illados dende agora en calquera punto do Estado", pois o período de incubación é de entre 8 e 12 anos. Até agora, no Estado só se confirmaron tres mortes pola doenza, os dous de Castela e León e outro anterior en Madrid, fronte a 163 no Reino Unido e 20 en Francia.

Medina volveu garantir o consumo de carne, que "está en condicións de seguridade absoluta" dende 2001, e que se manterá o matadoiro de Chantada para as reses de máis de 24 anos afectadas polo "problema". Tamén insistiu en que as dúas últimas mortes "non varían en nada" as medidas postas en marcha hai sete anos.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: