 
 
Delegados sindicais concéntranse diante do despacho da conselleira de Traballo un mes despois de terlle solicitado unha reunión para debater diversos conflitos.
 
											Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar
A saída á luz do anteproxecto da Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral e o Sector Público de Galicia (LOFAXGA) marcou o punto álxido nas últimas semanas do conflito creado pola estratexia do actual Goberno ao respecto dos servizos públicos. Unha estratexia que, para a CIG-Autonómica, ten que ver coa "plasmación no papel do ideario político do PP".   
  
  "Fomenta un sistema perverso en que a administración vai quedar reducida á súa mínima expresión rodeada dun cinto de entidades sen control que van ir penetrando pouco a pouco", indicaban. Unha tendencia que xa ten en datas recentes diversos exemplos prácticos, entre outros, a porta aberta á empresa privada nos centros públicos que na actualidade prestan servizo de residencia para a terceira idade.   
  
  Reclamando, "sen éxito", explicacións da Xunta 
  Neste escenario, a CIG solicitou xa o pasado 17 de xuño unha reunión coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, para que explique as súas pretensións e en que se basea para privatizar uns servizos "que son esenciais para a atención aos maiores e que supoñen unha garantía de prestacións de calidade e atención aos usuarios".   
  
  A actitude da Xunta diante desta reclamación é, láiase a CIG-Autonómica, de "total desprezo e ninguneo". Repróchanlle á consellaría que faga declaracións á prensa e na web da Xunta respecto dos plans da axencia de benestar mentres lle dá as costas aos propios traballadores. "Esixímoslle á Xunta a paralización deste proxecto de privatizacións das residencias de maiores e unha maior dotación de prazas para asistidos e a defensa dos servizos públicos tal e como é obriga da máxima responsábel deste departamento", subliñan. 
  
  Por este motivo, desde as 11horas deste luns, un grupo de delegadas e delegados da CIG estarán concentrados diante do despacho da conselleira. "Até que nos reciba", advirten, para dar explicacións sobre esta privatización de servizos.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto